sábado, 30 de decembro de 2017

FIN DE TRIMESTRE

Velaquí as derradeiras actividades conxuntas na biblioteca do primeiro trimestre.

Empezamos coa visita do Carteiro Real, grazas á mediación do concello de Arteixo. Un carteiro encantador que falou cos nenos e coas nenas sobre as súas ilusións para Nadal.



carterioreal17

O derradeiro día do trimestre tivemos a visita da Contacontos Erica González "Trastupita" que nos engaiolou durante case unha hora con diversos contos e unha canción con letra de Gloria Fuertes. O pasamos fenomenal e as nenas e os nenos portáronse de dez.



Contacontos.Erica.Nadal17

E por último queremos compartir con vos este diploma e carta que nos envían dende a Real Academia Galega en recoñecemento ás actividades realizadas no centro co gallo do día das Letras Galegas 2017. Fíxonos moítisima ilusión recibilo. 


luns, 18 de decembro de 2017

SUXERENCIAS DENDE BIBLIORRODÍS



Coma todos os anos fixemos unha selección de novidades variada, despois de andar de visita por varias librerías da comarca. Escollemos seis álbums ilustrados de máis sinxelos como o Os Wombis, Corvo ou Marcelina en la cocina aos máis complexos como Martín Gris e O oso e o piano. Apuntamos tres libros de perfil informativo:  Atópame no mar, moi sinxelo e con lapelas para mover, Os bombeiros en acción, tamén con partes movibles e O corpo humano éste último xa máis arredor dos cinco anos. Suxerimos tres propostas musicais, Eu cociño, ti cociñas?, Radio Bulebule, Camiños, das que podedes atopar exemplos na web para facervos unha idea. Para rematar temos un libro con sons: Paco y Mozart, outro con pictogramas: La princesa aprende a hablar e unha proposta para traballar na casa a relaxación a través do ioga con nenos: Bo día, acougo.  Por suposto hai moitas mais, e varias das propostas se enmarcan en grupos de varios títulos non vinculantes entre sí.

Recordarvos a importancia de lerlles aos nenos e as nenas para mellorar a súa competencia lingüística oral e preparalos para a escrita, sempre nun entorno relaxado. Cada persoa terá as súas preferencias en temática e enfoque.

Para rematar lembrade que as bibliotecas públicas de Arteixo están abertas durante as festas e vos ofrecen moitos materiais (libros, discos, películas…) para que levedes para casa de balde.



domingo, 3 de decembro de 2017

DÍA DA IGUALDADE DE XÉNERO


O día 25 de novembro está marcado no calendario escolar para falar sobre a non violencia de xénero.  Nós, dada a idade das nosas alumnas e alumnos, escollemos falar sobre a igualdade. As actividades a realizar xa as tiñamos pensadas antes de empezar o curso. Solicitamos unha subvención ao Centro de Información de Mulleres do Concello para mercar materiais para a mesma que nos foi concedida. Planeamos por unha banda unha actuación co alumnado e por outra unha conxunta do profesorado e as familias.
Para o alumnado pensamos tres obradoiros. Mesturamos as nenas e os nenos en 3 grupos de diferentes idades (organizados por pulseiras de diferente cor) para que rotaran por obradoiros  relacionados coas tarefas do fogar. Un foi sobre cociña, outro sobre as roupas e o un de biblioteca, no que escoitaron o conto “O libro dos porcos” de Anthony Browne, para logo pensar e conversar sobre o seu contido. Finalmente elaboraron unha sinxela ficha.


igualdad17

O obradoiro para familias e profesorado realizouse o pasado martes. Raquel, a especialista que dirixiu a actividade, fixo unha exposición sobre os sesgos sexistas da sociedade e conversamos sobre as preocupacións relativas aos xoguetes e moitos outros temas como vestimentas, adornos, etc. Agradecemos moito o esforzo de pais e nais de acudir e participar activamente neste evento.




domingo, 26 de novembro de 2017

MÚSICA CON PRESTO VIVACE

A música é unha das linguaxes que axudan a estimular as conexións neuronais. Cando seleccionamos as actividades complementarias ao inicio do curso tentamos sempre introducir algunha musical. o pasado mércores, día de Santa Icía (Cecilia), día da música,  tivemos a visita de tres profesoras da escola coruñesa Presto Vivace, que nos deron un obradoiro de estimulación musical, onde traballaron as cualidades do son con diferentes propostas que combinaron o uso da voz, do corpo e dos instrumentos musicais. Esta estupenda actividade foi financiada polo Concello de Arteixo. Vos deixamos fotos onde podedes ver a participación e o bo ambiente xerado cos nenos e as nenas da escola.

martes, 14 de novembro de 2017

SAMAÍN NA ESCOLA

O pasado 31 de outubro celebramos o Samaín, a festa do fin da colleita, do inicio do inverno celta, o momento no que o mundo dos mortos e o dos vivos están mais preto. Aínda que hoxe en día estamos moi influenciados polo Halloween norteamericano (de orixe irlandés, céltico) se preguntamos aos nosos maiores contarannos moitas historias de baleirar cabazas na súa infancia, por non falar das tradicións relacionadas coa santa compaña e o os mortos. Claro está que aos pequenos e pequenas da nosa escola non lles vamos a falar diso, pero si quedarnos coa parte máis festiva.  Agradecemos moito a implicación das familias na elaboración das cabazas que tan fermosas luciron na entrada. Vos deixamos unhas imaxes da xuntanza de celebración na biblioteca.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This slideshow design generated with Smilebox

domingo, 29 de outubro de 2017

DÍA DA BIBLIOTECA

Xa iniciado o curso e cos servizos funcionando, esta semana estivemos celebrando o día da biblioteca incidindo na formación de usuarios.  Os alumnos e alumnas dos grupos de 4 e de 5 anos acudiron a biblioteca para elaborar un tarxetón que lles permite acceso aos estantes  xerais onde están os fondos organizados.
En todas as aulas hai mobles con acceso libre onde poden coller e deixar os libros a vontade. Estes estantes conteñen unha selección de fondos realizada polas mestras e renovada con periodicidade. 
Para os estantes principais da biblioteca empregamos uns tarxetóns. Estes días falamos da importancia de manter os libros ordenados (que pasa si buscamos un libro e non está no seu sitio) e a razón de que leven etiquetas de distinta cor e debuxo. Preparamos eses tarxetóns  posando para a foto, despois pegándoa, escribindo o nome e decorándoa. Con este instrumento  (baixo control das mestras) cada nena e neno poderá escoller calquera libro que desexe colocando a tarxeta coa súa foto ao lado do libro que lle interesa e volvendo a colocalo no seu lugar antes de mover a tarxeta para coller outro co mesmo procedemento.






venres, 23 de xuño de 2017

LECTURAS PARA O VERÁN



Chegan as vacacións e creemos que é o tempo perfecto para compartir lecturas na casa, no parque, na praia, nas bibliotecas municipais… Sabemos da importancia de introducir aos nenos e ás nenas acompañándoos no mundo das letras (pero sobre todo da linguaxe oral) de xeito lúdico, en pequenas doses, con ficcións interesantes,  libros sobre temas atractivos para estas idades (animais, transportes, o noso corpo…) e moitas, variadas e fermosas ilustracións ou fotografías. Amosámosvos aquí algunhas propostas para o lecer do verán.  
Escollimos textos recentes, algúns sinxelos para os máis pequenos coma  Polo camiño ou ¡Puedo Rugir!   e outros máis complexos coma Elisa no mundo das maravillas. Tamén introducimos algúns contos clásicos, libros informativos e con música.
Como sempre lembrarvos que en Arteixo temos varias  bibliotecas públicas que abren no verán e alí atoparedes centos de propostas para elixir e aos bibliotecarios dispostos a orientarvos se o precisades.
Bo verán!